Calendario de feiras agroalimentarias para o primeiro semestre do 2024
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ofrece ás empresas galegas do sector agroalimentario a posibilidade de participar en distintas feiras agrarias e alimentarias como empresa coexpositora nos postos institucionais da Consellería do Medio Rural, cun espazo expositivo individual.
A mellora da comercialización e a promoción do consumo dos produtos galegos, especialmente aqueles que están amparados por unha denominación de calidade, é un dos obxectivos estratéxicos da Consellería do Medio Rural para conseguir o desenvolvemento do noso sector agrario.
No marco das accións promocionais, considérase fundamental a participación en certames feirais, tanto de carácter nacional como internacional, co fin de dar a coñecer e mellorar a comercialización das distintas producións agrarias galegas, sobre todo as amparadas por algún indicativo de calidade.
Feiras para as que se abre o prazo
| Feira | Datas | Recinto | Lugar | Prazo de inscrición | Cota participación |
|---|---|---|---|---|---|
| Alimentaria | 18 ao 21 de marzo | Recinto Gran Vía | Hospitalet de Llobregat, Barcelona | 22 de decembro | 2.057€ (1.700€ + 21% IVE) |
| Fórum Gastronómico | 7 ao 9 de abril | Expocoruña | A Coruña | 22 de decembro | 363€ (300€ + 21% IVE) |
| Salón Gourmets | 22 ao 25 abril | Ifema | Madrid | 22 de decembro | 2.057€ (1.700€ + 21% IVE) |
| Salimat | 30 de maio ao 2 xuño | Feria Internacional de Galicia Abanca | Silleda | 22 de decembro | 302,50€ 250€ + 21% IVE) |
As solicitudes recibidas fóra de prazo quedarán na listaxe de agarda. A orde de prioridade desta listaxe será a da puntuación obtida e, no caso de empate, a data de presentación.
CRITERIOS DE SELECCIÓN
Para poder avaliar as solicitudes, cada empresa deberá enviar unha listaxe dos produtos ou marcas comerciais, segundo o modelo adxunto, que vai levar a feira.
Todos os produtos que se presenten na feira teñen que ser producidos en Galicia.
Ademais as empresas que soliciten a participación nas feiras deberán presentar unha declaración responsable segundo modelo adxunto na que declaren:
- que durante o último ano anterior á data da presentación da solicitude de participación non foron sancionadas por infracción moi grave á lexislación agroalimentaria, mediante resolución firme de calquera das administracións públicas.
- (so para aqueles produtos que non estean nunha DOP/IXP) que os produtos alimentarios que presenta na feira son elaborados en Galicia e que as materias primas principais (aquelas que son ingredientes característicos dun alimento e que supoñen máis do 50% do seu peso neto) foron obtidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Documento criterios de selección
Non se permitirá a exposición/venda de produtos que non estean amparados en denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas que sexan susceptibles de estar acollidos a algún destes réximes de calidade.
Ademais, non se permitirá a exposición/venda de produtos non amparados en denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas que aproveiten a fama ou reputación de nomes protexidos por denominacións xeográficas, ben sexa por imitación ou evocación.
No caso de que unha empresa acuda a unha feira coa Agacal con algún produto que incumpra estas condicións, ou que non figuren na declaración de produtos/marcas presentadas xunto coa solicitude, o persoal da Agacal ou a persoa responsable do posto presente na feira poderá solicitar a retirada destes produtos.